O patrimonio arqueolóxico de As  Estacas

Petroglifos de Chan da Remende, do Cto do Raposo, do coto do home de Pedra…

 

Petroglifos de chan da Remende 

Coordenadas:  X: 549.300 /Y: 4.685.649

Dende a parroquia das Estacas, circulamos pola PO-255 en dirección a Covelo, no lugar de Portela do Foxo desviámonos a man esquerda por unha pista forestal de xabre, circulamos por esta pista 1.400 m. sen desviarnos ata chegar a un cruce onde se atopa a estación metereolóxica de Fornelos de Montes, aquí desviámonos á esquerda por un camiño de terra e herba, polo que circulamos uns 450 m. ata un novo cruce á dereita que baixa pino, a 260 m. deste cruce chegaremos ata unha curva pechada á dereita onde está o Coto do Home de Pedra, dende aquí andaremos 145 m. nesta contorna ao carón dereito da pista están os gravados.

O conxunto está formado por dúas pedras, os gravados están repartidos en dúas metades ergueitas, pola forma dos esteos semella que un dos dous, o localizado ao leste, partiuse do outro, e que formaría o cumio da representación, a xeito de estela ou menhir gravado.

Os gravados realizáronse sobre a rocha xa desgaxada, dato que se aprecia facilmente ao estar desprazados os dous soportes. Recentemente as pedras estaban tombadas unha sobre a outra, impedindo ver os gravados, ao darlle a volta, de xeito fortuíto (levantada do solo polos comuneiros de Estacas), apareceron os petróglifos.

Na cara gravada predomina o motivo das cazoletas en todo o soporte, contamos en torno a 92 cazoletas gravadas ocupando toda a superficie da pedra con “horror vacui”; algunhas cazoletas están no centro de círculos de pequeno diámetro, acompañadas por liñas serpentiformes entre unhas e outras coviñas e tres círculos inscritos con cruces radiais, na zona sur do soporte, semellantes aos atopados nos achegados gravados do Petróglifos do Coto do Home de Pedra.

Fonte:
INFORME SOBRE O VALOR ARQUEOLÓXICO E CULTURAL DO PATRIMONIO DA PARROQUIA DE ESTACAS NO CONCELLO DE FORNELOS DE MONTES (PONTEVEDRA).
AUTOR: A citania, arqueoloxía xestión do patriomio cultural

Petroglifos do coto do Raposo

Coordenadas: X: 549.077 / Y: 4.687.522

Dende o lugar de Estacas na Estrada PO-255 desprazámonos cara o leste e desviámonos á altura do bar Chalán nun cruce a man esquerda que baixa cara o río Couñago. Baixamos por esta estrada, cruzando o río, uns 750 m. ata o lugar de Couñago onde atoparemos un cruce moi pechado a man esquerda que sube, en pista sen asfaltar, cara o monte. Andaremos por esta pista outros 700 m. ata chegar a un regato afluente do Couñago que baixa en dirección leste-oeste por unha forte pendente e se cruza no noso camiño. Neste lugar camiñamos á dereita pola pendente seguindo o curso do regato. Tras 140 m. de subida e en perpendicular a man esquerda do curso do regato, a 30 m. están os afloramentos onde se atopan os gravados.

É singular a representación do taboleiro de xogo, pois ofrece unha cronoloxía medieval para, polo menos, este motivo. Poida que o lugar fose frecuentado por pastores durante o medievo o que levaría a facer este tipo de gravados para o seu entretemento. O resto dos gravados, pola súa tipoloxía semella ter unha cronoloxía prehistórica

Nun penedo a ras de solo exposto ao solpor cunhas vistas abraiantes do val do río Couñago atopamos os primeiros gravados de Coto do Raposo, co panel máis grande e elaborado.
O penedo natural forma unha superficie plana separada por tres diaclasas, con dirección do eixe norte-sur, en tres rexistros ou planos, os gravados aprécianse nos tres planos do leste sendo o central o gravado con máis profusión.
Trátase de gravados desgaxados entre si con numerosos motivos diferentes, serpentiformes rematados en espirais, cazoletas unidas con liñas, espirais, e incluso un xogo de alquerque de cronoloxía medieval.

Situada ao leste, ao carón da pedra anterios atopamos outra cunhas dimensións de 8,50 x 1,10 m. É a pedra máis profusamente gravada, dividiriamos os gravados en tres grupos, de sur a norte, o primeiro estaría representado por unha ringleira de cazoletas con dirección sur-norte; o segundo estaría formado por un abano amplo de cazoletas, liñas, unha espiral e formas cadrangulares ocupando a parte central do rexistro cunhas dimensións de 1 x 0,55 m. de superficie; o terceiro grupo estaría formado por cazoletas, liñas, círculos e espirais, e marcando o gravado un xogo de alquerque de nove.

O xogo de alquerque debe recibir mención aparte do conxunto por tratarse dun gravado medieval, xa que logo, consideramos o resto dos gravados como prehistóricos. O alquerque ocupa un espazo destacado no grupo 3 de gravados, localizado ao leste deles, ocupa un espazo de 25 x 25 cm. Está formado por unha cruz grega central e tres cadrados circunscritos dende o centro dela. Como o resto dos motivos, preséntase moi desgastado

Fonte:
INFORME SOBRE O VALOR ARQUEOLÓXICO E CULTURAL DO PATRIMONIO DA PARROQUIA DE ESTACAS NO CONCELLO DE FORNELOS DE MONTES (PONTEVEDRA).
AUTOR: A citania, arqueoloxía xestión do patriomio cultural

Petroglifos do coto do Home de Pedra

Coordenadas: X: 549.248 / Y: 4.685.583

Moi preto dos petroglifos de chan da Remende.

O afloramento rochoso cubre unha superficie de, en torno, aos 45 m², e ten ata 4 planos con gravados (denominaranse como Rocha 1 a 4). O motivo principal é un círculo dividido en 8 porcións mediante dúas cruces gregas, insertas e cruzadas entre si, no seu interior.

– Rocha 1, localizada nun plano vertical ao norte do afloramento. Cubre unha superficie triangular de, en torno a 1 m².Ten un so motivo gravado en forma de círculo de 25 cm. de diámetro, cortado no seu interior por dúas cruces que o dividen en 8 porcións de xeito radial. Pode apreciarse con facilidade no plano vertical coa sombra abatida do solpor, é un motivo conspicuo que nos recibe no camiño de chegada polo sueste.

– Rocha 2, pedra exenta desgaxada da parte superior do afloramento polas labores de cantería tradicional aproveitando unha diaclasa que divide o soporte de leste a oeste. Ten forma convexa de en trono aos 2 m² de superficie de gravado. Nesta pedra exenta exposta ao sur aparecen diferentes motivos gravados no plano vertical da rocha. Aprécianse mal pola proliferación de liques na súa superficie.

Motivo 1, círculo de 25 cm. cortado no seu interior por dúas cruces, moi regulares, que o dividen en 8 porcións de xeito radial.
Motivo 2, a escasos 5 cm. á esquerda do anterior, outro círculo separado por cruces internas das mesmas dimensións co anterior. As cruces radiais son máis irregulares, deixando unha superficie menos simétrica ca do motivo 1.
Motivo 3, por riba do motivo 1, tanxentes ás circunferencias, outro novo círculo de 22 cm. de diámetro coas cruces internas na mesma disposición. O gravado apreciase menos cos motivos 1 e 2.
Motivo 4, a 3 cm. á dereita e por riba do motivo 2 e tanxente ao motivo 3 un círculo semellante e de iguais características ca este último motivo 3.
Motivo 5, 5 cm. á dereita do motivo 1, un circulo de iguais características co 3 e 4, 22 cm. de diámetro.

Fonte:
INFORME SOBRE O VALOR ARQUEOLÓXICO E CULTURAL DO PATRIMONIO DA PARROQUIA DE ESTACAS NO CONCELLO DE FORNELOS DE MONTES (PONTEVEDRA).
AUTOR: A citania, arqueoloxía xestión do patriomio cultural